InicioOPINIÓNRunas de nós

Runas de nós

Publicada o

Por Xurxo Souto

A bohemia coruñesa ten un nome, Xaime Cabanas. Aquel que no pub o Patacón, cun borrancho do dedo mollado no café, era quen de pousar na servilleta todo o misterio do mar do Orzán.

A súa pintura leva os nosos trazos, o código co que fala a noite nesta cidade. Arte e vida chea de exceso. Xaime, como bo bohemio, morreu cunha absoluta discreción. Sen molestar a ninguén. Nin sequera os medios de comunicación. O 25 de xullo de 2013, cando todos os focos se dirixían cara ao terrible accidente de Angrois.

Xaime Cabanas coa camisola do Depor / Canal Deportivo

Agora o seu lobicán volve ouvear en forma de cartel polas rúas.

Xa sei que o sabes, o Concello organizou unha gran exposición antolóxica: Cabanas MMXXIII. No Quiosco Alfonso, na gran sala de Palexco latexa estes días o poder do seu talento. Parabéns aos comisarios, Pedro Vasco e Carlos Pita, por encher de luz esas runas que nos conforman.

Hai quen se esforza en presentar unha cidade sempre perfecta. A realidade teimuda amósanos unha Coruña máis grande. Esa rocha atlántica na que peta con furia o océano na invernía, onde ás veces se espetan os petroleiros, e mesmo os vertedoiros poden caer ao mar.

Aquí armamos a nosa vida. Mundo extraordinario, cósmico e escatolóxico á vez. Fecundidade da natureza, suxo cemento de arrabalde. Sempre de fondo o boureo do mar.

Ás veces danos medo contemplar esa realidade rabuda. Cabanas medo non tiña. E iso que levou moitos paus no lombo.

Area, petróleo, ferranchina, urkiola, arenques, furna, parrochas, lume de refinería, chichimoni e rancio de cubata. O máis sinxelo tería ter representado tal universo como un magma abstracto. Cabanas foi moito máis alá. Fagocitou este furacán de estímulos até convertelos en símbolos:

Os serviola, a mala pica, caveira que fuma, a man que rabuña, e a cabeza do lobicán. Runas do noso tempo, unha grande arte de rindanga.

Por iso, como o borrancho do café, todo o que Cabanas tocou –cadros, tascas, escaparates, paredes ou camisetas- ao momento saíu da vulgaridade e converteuse en arte plena, sintonía desta cidade-barco.

Exposición Cabanas MMXXIII. E de remate…que continúe. Precisamos seguir catando deste alimento, Xaime Cabanas, tóxico-elixir, luz de chapapote.
Grazas mestre !

  • Xurxo Souto. Dinamizador cultural eterno da vila da Coruña. Membro fundador dos Diplomáticos e do Rock Bravú, actual cantante da Banda de Shanghai, locutor de radio, escritor, contador, guía turístico e espiritual… Enciclopedia viva da Coruña.

MÁIS ARTIGOS DE XURXO SOUTO

Novas relacionadas

 

 

ÚLTIMAS

O Día do Libro celébrase co 150 aniversario de Picadillo, o gran supervendas da cociña

Vai coñecendo a xente da Coruña, e de Arteixo, a historia Manuel Puga y...

Convocan unha concentración no Foro Económico para esixir a titularidade pública dos peiraos de San Diego e Petroleiro

O colectivo Defensa do Común, que aínda onte lideraba un escrito asinado por 30...

Galician Beats, o catálogo da música electrónica galega da última década

O estado de saúde da música galega contemporánea é o mellor é décadas. Diso...

O Goberno local levará ao próximo pleno o procedemento para reclamar a titularidade da Casa Cornide

Coa presión da oposición e mesmo da Xunta, o Goberno local dá un paso...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here